Ringo Deza e Pedro Dapena, favoritos no BTT Vila de Samieira

btt_samieira250.jpgPOIO > Xa está todo preparado en Samieira para acoller mañá o terceiro campionato BTT, que puntúa para o Open Galego Xira Caixanova. Entre os favoritos figura un corredor do club local Monteabaixo, Ringo Deza, que buscará un lugar no podio de Master 30.

O terceiro Campionato BTT Vila de Samieira reunirá mañá en Poio ós mellores corredores do circuíto galego de ciclismo. As bicicletas de montaña tomarán a saída ás catro da tarde da Casa do Pobo Río de Bois, ó lado do campo de fútbol de Samieira. Por diante teñen un circuíto de 5 quilómetros e medio duro e moi técnico, segundo sinala Ignacio Uhía, presidente do club organizador, o Monteabaixo.

A proba está incluída no Open Galego xira Caixanova e está previsto que participen nela uns 120 corredores, todos os do circuíto galego máis algún portugués. Entre os favoritos figura un ciclista do Monteabaixo, Ringo Deza, de Sanxenxo, que vén de proclamarse campión da Copa Deputación de Pontevedra en máster 30. Na carreira de elite Pedro Dapena, do Cambre, ten tódalas opcións de subir ó podio. En total, o campionato terá sete categorías, 6 masculinas e unha feminina. Prevese que sobre as seis da tarde xa se poidan entregar os premios ós gañadores.

Redacción Salnés