Uns 200 barcos disputarán a Regata Rías Baixas Martín Códax

regata_martin_codax250.jpgVIGO > Barcos de toda España con 1.200 tripulantes daranse cita nas Rías Baixas do 11 ó 15 deste mes, como participantes na Regata Martín Códax. Tras varios anos de ausencia, A Pobra do Caramiñal volve a ser sede desta regata que cumpre o seu 45 aniversario.

A regata Rías Baixas Martín Códax arranca o luns en Vigo. A falta de varios días para que comece a cita por etapas máis importante do calendario español, xa se inscribiron 120 barcos cuns 1.200 tripulantes abordo, sobre todo procedentes de Galicia, do Cantábrico e de Portugal.

A Rías Baixas consta de cinco etapas que se desenvolverán entre os portos de Vigo, A Pobra, Vilagarcía, Sanxenxo e Baiona. A gran novidade é a volta da Pobra á planificación, tras varios anos de ausencia. A regata estará aberta exclusivamente a cruceiros IMS, que estarán divididos nas categorías de regata, regata-cruceiro, cruceiro-regata e cruceiro.

A flota galega será a máis numerosa, con presenza da práctica totalidade dos clubs náuticos do Eo ó Miño. Destaca a presenza do gañador do ano pasado, o Pairo VIII de José Luís Freire ou o Turismo Rías Baixas de Javier de la Gándara, que acaba de gañar o campionato galego de cruceiros.

Polo que respecta ós nomeamentos, este ano os comodoros de honra serán José Luís Torres Colomer, navegante e alcalde de Ribeira, e Carmelo Puertas, un dos mellores patróns galegos, do Club Náutico de Portosín.

Redacción Salnés