O Azkar achega ós nenos o futbol sala de élite

campusazkar250_260608.jpgVILAGARCÍA > Esta mañá achegámonos ó pavillón de Fontecarmoa para ver que tal lles ía ós rapaces que durante estes días desfrutan do Campus Futbol Sala Fundación Azkar. Unha especie de campamento, no que o protagonista é o balón.

Ó redor de 40 rapaces, de entre 11 e 14 anos, desfrutan durante estes días en Vilagarcía dun campus moi especial, o que organiza a Fundación do equipo Azkar Lugo, conxunto de División de Honor Nacional. 

É o terceiro ano no que se leva a cabo esta iniciativa que visita por primeira vez Vilagarcía, atraída pola beleza e paisaxe natural da Ría de Arousa. Aquí viñeron nenos de toda Galicia e Castela La Mancha. 

Neste campus mistúrase a parte técnica coa lúdica. Nos adestramentos fan todo tipo de actividades para mellorar a súa condición física e técnica no fútbol sala; para iso viñeron grandes estrelas e xogadores da máximo nivel nacional.

Hoxe por exemplo tiñan prevista a súa visita Miguel Rodrigo, elexido o ano pasado coma mellor técnico, o que lle arrebatou este ano ese galardón, Bruno García, ou un vello coñecido da afección galega, Pulpis, adestrador anos atrás de Azkar e Lobelle de Santiago e agora enrolado á selección thailandesa. Por se fora pouco os rapaces desfrutan dunha convivencia excepcional, no camping Río Ulla de Bamio, onde fan actividades e xogos na piscina e na praia. 

 A clausura do campus terá lugar mañá despois do último adestramento, contra ás 20:00. Despois do paso dos pequenos, este ano Vilagarcía poderá ver con case total seguridade ó Azkar en Fontecarmoa ante o Grupo Junquera en partido de pretemporada, debido á boa relación que manteñen os dous clubes e que fixo posible que este campus se celebrara en Vilagarcía.

Redacción Salnés