O alcalde rianxeiro acusa os populares de ter un ‘talante antidemocrático’

    executivorianxo_100_04072008.jpgRianxo > Referíuse así a actitude amosada polos membros do grupo popular cando decidiron abandona-la sesión plenaria .

    O executivo rianxeiro compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para explicar a atípica situación vivida no pleno do pasado mércores cando os membros do grupo popular decidiron abandonar a sesión, argumentando que de forma sistemática se rexeitaban as mocións da oposición. Segundo o alcalde, a reacción dos populares é froito dunha ‘pataleta’ que amosa o seu talante antidemocrático.

    Feito sen precedentes

    Das seis mocións presentadas a debate no pasado pleno do martes día 1, só se abordaron tres mentres que as outras tres foron rexeitadas pola abstención do grupo de goberno. Este feito motivou que os concelleiros do PP, nun feito sen precedentes na política municipal de Rianxo, abandonaron o salón de plenos esgrimindo que o executivo denega de forma sistemática o debate das propostas formuladas pola oposición. Lonxe de compartir esta visión, o equipo de goberno califica esta reacción como unha pataleta e censura o carácter antidemocrático da mesma.

    Razóns lóxicas

    Na comparecencia desta mañá, o alcalde, Pedro Piñeiro, a tenente de alcalde, Sonia Castaño e o resposable da comisión de obras, Manuel Martínez, expuxeron as razóns de por que se desestimaron as mocións. A primeira delas, presentada polo BNG e cun texto de apoio do PP, facía referencia ó proxecto de remodelación de acceso ó porto que afecta a varias vivendas. Segundo a concelleira de Obras, Sonia Castaño, as alegacións presentadas pola oposición xa están a ser estudadas por Portos de Galicia. A tenente alcalde criticou ademais a actitude dos grupos da oposición que, no seu día, votaron a favor da Ari e do avance do PXOM, que excluía a estas vivendas.

    Outras das mocións, presentada polos nacionalistas, instaba á remodelación do adro de Taragoña, proxecto que segundo o goberno xa foi presentado a patrimonio polo que a proposta chega tarde. E a terceira, tamén a iniciativa dos nacionalistas, solicitaba a dotación de saneamento á parroquia de Leiro cun investimento de 600 mil euros. A este respecto, a tenente de alcalde informou de que a Consellería de Medio Ambiente xa ten elaborado un proxecto que supera os dous millóns de euros e contempla saneamento e abastecemento. Unha actuación similar está proxectada en Isorna mentres que se destinarán novos investimentos en materia de saneamento nas parroquias de Asados e Taragoña.

    Redacción Barbanza