Ribeira tamén reivindica o papel da muller

RIBEIRA> Unha das concentracións no Barbanza que maior seguimento tivo foi a celebrada na Praza do Concello de Ribeira onde se deu lectura tamén a un manifesto. Máis dun centenar de persoas participaron este mediodía en Ribeira na concentración convocada polo Concello con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres. Á mesma asistiron moitos nenos, escolares e tamén homes, pero foi seguida de xeito maioritario por mulleres. Hoxe era o seu día. O obxectivo desta xornada: facer visibles as inxustizas e a discriminación que sofren cada día en distintos ámbitos. Foi precisamente a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras, a encargada de dar lectura a un manifesto no que se aludía precisamente á necesidade de seguir traballando en defensa da igualdade real entre homes e mulleres. Posteriormente tamén intervíu o propio alcalde, Manuel Ruiz. Na súa intervención destacou o traballo realizado polas mulleres ó longo da historia coa finalidade de defender os seus dereitos. Segundo el nestes anos déronse bastantes avances pero aínda queda moito que facer de cara a acadar a igualdade plena.