![]()
O SALNÉS > O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de lei de pesca, unha nova normativa que virá a derogar ás cinco leis existentes arestora nesta comunidade autónoma.
De agora en diante, este proxecto deberá ser debatido no parlamento galego, e logo, en caso de ser aprobado, entrará en vigor seis meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Neste amplo texto destácanse varios capítulos fundamentais para o desenrolo do sector como a conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, a pesca marítima profesional e a de lecer, o marisqueo, a acuicultura mariña, a frota pesqueira galega e os axentes do sector pesqueiro galego; así como a comercialización, transformación e promoción dos productos das actividades do mar, o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca e a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.
Fala tamén da formación marítimo pesqueira, da inspección e o control, dos rexistros e do réxime sancionador. Máis en concreto, esta normativa prevé fomentar unha cultura do seguro que intente paliar posibles incidencias meteorolóxicas e accidentes que mingüen a capacidade productiva dos traballadores do mar. A maiores fai fincapé na regulamentación e promoción de novas fórmulas de pesca vinculadas ó turismo. Nesta lei tamén se contempla a figura da licenza de pesca profesional no canto do permiso de explotación. Asemade, a licenza para o marisqueo, será concedida por un período de cinco anos, no canto da renovación anual prevista inicialmente. Unha medida que ven a simplicar os complicados trámites burocráticos existentes ata o de agora.
Esta normativa establecerá solucións para que determinados segmentos da actividade marisqueira deixen de ter limitacións de potencias dos motores que existían ata a data. Asemade regulamentará a loita contra a pesca ilegal e cambiará a denominación do servizo de gardacostas polo de servicio de inspección e vixilancia pesqueira.
Por outra banda, desde a Federación Galega e Nacional de Confrarías pensan que non se establece un regulamento legal axeitado para as confrarías que deberán seguir tendo un papel destacado como ata o de agora. Ademais, o patrón maior do Grove e vocal da Federación Nacional de Confrarías lamentou que neste texto non tivera cabida unha maior participación do sector.
Nesta tan polémica lei tamén figura un apartado destinado á concesións das bateas. A Consellería de Pesca propón que esta concesión se outorgue por un período máximo de dez anos, prorrogable por períodos legais cun máximo de 30 anos. O outorgamento das concesións farase por concurso público e estará presidido polos principios de obxectividades, equidade, concorrencia e transparencia; e valorarase tamén preferentemente ter sido titular ata o de agora desa explotación. Esta normativa aborda tamén a transmisión de concesións por mortis causa e tamén a cesión por actos inter vivos. Antes da aprobación parlamentaria desta lei agárdase un intenso debate entre o PSOE e o PP, que virá a continuar a polémica incesante que se estivo a vivir o longo do último ano no sector bateeiro.
Redacción Salnés










