CAMBADOS> En Cambados andan a pensar xa no Entroido. Hoxe presentaron as actividades que van organizar no Concello. Haberá obradoiros para nenos, unha nova edición do concurso ‘A túa cara sóame’ e, por suposto, desfiles de carrozas e concurso de disfraces. Este ano repartiranse 7.500 euros en premios. Ademais, este ano o enterro da sardiña chega con carácter reivindicativo: os cambadeses aproveitarán para queima-las listas de agarda da sanidade.
Entre os días 21 e 26 deste mes, Cambados vivirá o Entroido por todo o alto. O concello programou unha multitude de eventos para eses días. Haberá unha nova edición do concurso ‘A túa cara sóame’, desfile de carrozas o domingo e tamén concurso de disfraces e de comparsas o martes. En premios, vanse repartir máis de 7.500 euros en premios.
Tamén hai moitas actividades infantís. Entre elas, o baile do día 24 impulsado pola Cofradía de Pescadores San Antonio que, en principio, contan con celebralo no Salón Peña.
O Entroido rematará na vila con carácter reivindicativo. O enterro da sardiña servirá tamén para queima-las listas de agarda na sanidade. Neste caso, o Concello conta coa colaboración dos alumnos do Obradoiro de Emprego.
Este ano cae do programa o tradicional concurso de filloas e outras actividades que se viñan celebrando no Salón Peña. A situación da renovación da concesión deste espazo levou ao goberno local a prescindir dalgunhas propostas para evitar problemas de última hora.