CAMBADOS > Os alumnos do colexio Julio Camba e do Instituto Francisco Asorey foron galardoados na gala ‘O Salnés polos Animais’ …
O programa das Festas do Albariño de Cambados inclúe a celebración de varias galas. Unha delas xa se celebrou o domingo na praza de Fefiñáns. Trátase do festival benéfico O Salnés polos Animais, organizada polo Concello e a Protectora de Animais de Cambados. A gala serviu para premiar o esforzo de diversas entidades que traballan para sensibilizar á poboación contra o maltrato e o abandono de mascotas.
Nesta ocasión os galardoados foron os alumnos do colexio Julio Camba e do instituto Francisco Asorey. Os primeiros participaron activamente na promoción do disco Operación Can e os segundos editaron unha revista titulada Eu nunca o faría. O programa da Galega ‘Acompáñenos’ tamén foi distinguida, e a asociación de comerciantes Zona Aberta de Cambados entregou os premios de redacción escolar.
Ademais de actuacións musicais, na gala proxectáronse vídeos e curtametraxes. A presidenta da protectora Olga Costa estivo acompañada polo alcalde e pola edil de Cultura. No festival lembrou que o abandono segue a ser unha triste realidade e indicou que o albergue de Corbillón está xa completo con 23 cans.
RAÍÑAS DA FESTA
O Concello de Cambados xa prepara a vindeira gala, que se celebrará o día 27 para elixir a Raíña e Damas da Festa do Albariño. As nenas de entre 6 e 10 anos poden optar a Raíña Infantil, mentres que as maiores de 16 poden ser Raíña Maior. Tódalas finalistas recibirán de premio 100 euros en metálico máis un vale de compra por 50 euros de Cambados Zona Centro. O Concello informa que as aspirantes teñen de prazo ata o 23 para inscribirse. A gala das raíñas fecharase co concerto do grupo Beat Road.
Redacción Salnés