Nace o Club Triatlón Boiro

BOIRO> Esta mañá tiña lugar a súa presentación oficial no Concello. Trátase dunha sección dentro do Club de Natación, que pretende dar cabida ós cada vez máis afeccionados a esta modalidade deportiva.

Hai apenas uns meses, nunha reunión no Concello, xurdiu a idea de crear este Club de Triatlón, e hoxe xa é unha realidade. Trátase dunha sección máis dentro do Club de Natación que xa viña funcionando na localidade con grande éxito da man de Juan Carlos Brión, director deportivo. E nace coa finalidade de dar cabida ós cada vez máis afeccionados a este deporte. Na actualidade conta cunhas 20 licenzas de adultos e unhas dez de nenos. Unha cifra que agarda aumentar coa campaña de captación que está a desenvolver nos centros educativos do municipio, xa que a súa aposta será polas categorías base.

Neste primeiro ano de vida, o Club tan só poderá participar nas competicións de ámbito autonómico. Aínda así conta con tres importantes espadas como son os triatletas Martín Carrera, Jacobo Crego e Carlos Brión cos que pretenden dar o salto as probas de nivel nacional.

Con este novo Club a nómina de entidades federadas en Boiro aumenta ata as 23. Un número destacado que vén a mostrar o importante potencial deportivo existente no municipio, e que dende o Concello tratan de apoiar ó máximo.