VILAXOÁN > Esta fin de semana inauguráronse as reformas do campo de fútbol de San Martín de Vilaxoán. Con este son xa 42 os campos postos en funcionamento da lista total de 70 do plan de remodelación de infraestructuras deportivas da Deputación.
Vintetrés anos despois, o campo de fútbol de San Martín de Vilaxoán acolleu unha nova inauguración, desta volta a que lle fai un lavado de cara as súas instalacións.
As reformas consistiron, ademais da implantación de céspede artificial de última xeración, na inserción de canalizacións, conclusión do recheo e retirada dos remates das pluviais.
A nova imaxe mellorada do campo permitirá agora practica-lo futbol nunhas condicións óptimas.
Ó acto acudiron entre outros persoeiros o Presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o tenente alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, que repartiron agasallos ós rapaces alí presentes. Ambos presumiron das boas relacións que manteñen as dúas institucións e que fixeron posible que a obra se levara a cabo.
O total invertido ascendeu a 608.000 euros, algo máis de 100 millóns das antigas pesetas; tres cuartas partes foron postas pola Deputación e o restante polo concello. O mantemento e conservación do céspede levarase a cabo conxuntamente entre ambos organismos, abonando os custos na mesma porcentaxe que nos custos de construción, 75% Deputación e 25% o Concello.
A posta en marcha desta infraestrutura responde ó propósito de fomentar e facilitar o deporte de base, así como mellorar as dotacións deportivas da provincia. O de San Martín forma parte dun grupo de 70 campos de céspede artificial construidos en Pontevedra, que procuran dar un mellor servizo ós cidadáns, xa que as superficies sintéticas permiten un maior uso e aproveitamento e un menor custe de mantemento.
Redacción Salnés