Bea, Mascato e Campos irán ó Europeo de Milán

piraguismo250_170308.jpgGROVE > Os grovenses Fredi Bea, David Mascato e Tono Campos pasaron con éxito o test selectivo ó que foron sometidos pola Federación Española de piragüismo esta fin de semana na pista de Verducido. Os tres padexeiros ingresarán a vindeira semana no equipo nacional que disputará no mes de maio o Campionato de Europa de Milán.

Aínda restan esperanzas de ver ós padexeiros grovenses nos Xogos Olímpicos. Despois de estar maltratados pola Federación Nacional de Piragüismo nos últimos anos, a ésta non lle vai quedar máis remedio que aceptar a realidade, que di que o mellor C-2 do país é o formado por Fredi Bea e David Mascato.

A parella do Breogán impúxose sen problemas ós seus rivais o sábado en Verducido e quitaron praza para acudir o vindeiro mes de maio a Milán, a disputar o Campionato de Europa, onde se xogarán a súa presencia en Pekín. Tamén estará no Europeo Tono Campos, que fixo parella con Mascato nos cincocentos metros, gañando tamén a proba. Agora, a única condición que lles puxo a federación é que se concentren co resto dos padexeiros da selección nacional a vindeira semana.

Tamén en piragüismo, resaltar a segunda posición acadada en Aranjuez polas Torres Romaría Vikinga de Catoira na Primera Competición de Maratón, proba da decimoséptima Copa de España de Ascensos, Descensos, Travesías e Maratón, integrada na Séptima Liga Nacional.

O equipo anfitrión alzouse coa primeira posición e o podium completouno o Iberdrola Caja España Zamora, quedando nunha meritoria sexta posición o club da Illa de Arousa.

Redacción Salnés