Un accidente na PO-531 deixa a dúas persoas feridas

    foto_accidente_barro_100.jpgBARRO > Dúas persoas resultaron feridas graves nun accidente que se produciu esta mañá na estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, a PO-531.

    O sinistro tivo lugar no carril que circula paralelo á entrada á autovía do Salnés, á altura de Barro, que estivo pechada ó tráfico durante unha hora. As dúas vítimas foron trasladadas ó Hospital Domínguez de Pontevedra.

    Así quedou o vehículo no que viaxaba a parella que resultou ferida no accidente que tivo lugar esta mañá, na estrada provincial 531, á altura de Barro. O sinistro produciuse por un alcance dunha furgoneta ó turismo cando ámbolos dous viaxaban nese intre polo carril dereito da vía en dirección Vilagarcía, paralelo á entrada á autovía do Salnés de Curro. O impulso do golpe fixo que o turismo se desprazase máis de trinta metros, batendo contra os gardarraís da entrada á autovía, que estivo pechada ó tráfico durante unha hora, mentres se retiraban os cascallos.

    Polo de agora aínda se descoñecen as causas do accidente, no que resultaron feridos ós dous ocupantes do coche, unha muller e un home, ámbolos dous de 76 anos. Para quitalos do automóbil foi precisa a intervención dos Bombeiros do Salnés, que tiveron que excarcerar á parella. O condutor da furgoneta resultou ileso mentres que os dous ocupantes do turismo ,naturais de Campañó, foron trasladados conscientes e estables ó Hospital Domínguez de Pontevedra, onde permanecen agora ingresados con traumatismo craneoencefálico e pronóstico grave.

    Redacción Salnés