Sanxenxo acolle a Ruta das Illas

regata_das_illas.jpgSANXENXO > O Real Club Náutico de Sanxenxo presentou esta mañá a novena edición da Regata Hotel Carlos I SPA –Ruta da Illas, que se desenvolverá esta fin de semana. Este ano, como novidade, poderase competir en solitario ou a dous, a maiores das habituais clases participantes, ORC Open, 570 e 670.

A Ruta das Illas, regata organizada polo Club Náutico de Sanxenxo e patrocinada polo Hotel Carlos I , espera reunir esta fin de semana a 25 embarcacións. A cita, que xa chega á súa novena edición, foi presentada esta mañá. Entre as novidades, ás habituais clases participantes, ORC Open, 570 e 670, engádese a posibilidade de competir en solitario e a dous.

O venres abrirase a oficina de regatas para ultimar inscricións. O sábado ás dúas da tarde a flota sairá desde o Porto Juan Carlos I, rumbo a Ons e Onza para logo volver a atracar ó club. Alí os tripulantes poderán coller folgos con sardiñas e polbo. O domingo, as embarcacións afrontarán a clásica costeira pola ría de Pontevedra con saída ás dúas da tarde. A entrega de premios está prevista para as sete no Hotel Carlos I.

Redacción Salnés