A Portonovo e Arosa só lles vale gañar

SALNÉS> Duelo de rivalidade comarcal entre Portonovo e Arosa. Dous equipos que chegan con necesidade de vencer para engancharse ó grupo de cabeza. Ademais, esta xornada o Ribadumia recibe ó Gran Peña mentres que o Céltiga viaxa a Verín.

Unha única victoria nos últimos seis partidos. Así chega o Arosa a Baltar, logo de ser líder da categoría, agora caeu á sexta posición da xeral e precisa dun triunfo que curte a sangría de puntos que está a perder. Como tamén ven de perder un Portonovo que non dá enganchado co grupo de cabeza.

Os dous conxuntos vense condicionados por factores similares, como son os seus reducidos planteis. As lesións non os están a respetar e iso repercute nos resultados. Con todo o Portonovo recupera a un piar básico na súa estrutura como Óscar Guimeráns, que volve tras perderse un encontro por sanción.

Unha das claves do choque estará nesa loita no medio campo onde se xuntan os homes de calidade de cada un dos equipos. Prevese iso si, un partido moi táctico e con poucos goles, entre o quinto e o primeiro equipo da categoría que menos tantos encaixan.

Mentres o Ribadumia buscará seguir remontando o vóo e encauzar o seu segundo triunfo consecutivo ante o Gran Peña. Pablo Vázquez non poderá contar con Manu García, sancionado, e tampouco con Álex, que esta semana fichou polo Unión Grove.

Para rival complicado o do Céltiga, que viaxa a Verín. Os de Tonino son un equipo ben diferente ó que comezou a liga. A semana pasada cortaron en Barbadás unha xeira de nove xornadas sen perder, uns datos que falan do bo momento polo que atravesan. Os da Illa viaxan sen un dos seus xogadores de referencia, o uruguayo Nacho.

Redacción Salnés