SALNÉS> Chegan boas novas dende o balonmán, porque tanto Rasoeiro como Agnusdei solventaron os seus respectivos compromisos da fin de semana. Ambos conxuntos quedan agora nunha posición cómoda da táboa.
Segunda xornada da loita por eludir o descenso e dúas victorias que lle outorgan tranquilidade ós conxuntos do Salnés.
En Meaño, o Agnusdei voltou ó vello pavillón de Coirón para pasar por riba do Camariñas nun partido moi traballado (26-18). As dimensións máis reducidas desta cancha axudaron ós locais á hora de facer máis efectiva a súa defensa 6-0 sobre o rival.
Dende o primeiro minuto levaron a iniciativa no marcador e no ritmo de xogo, que foi lento e incomodou ó Camariñas. Así as cousas, as primeiras diferencias non tardaron en chegar e o marcador xa reflectía un claro 12-6 ó descanso.
Na segunda metade os visitantes intentaron meterlle unha marcha máis ó encontro, pero da man de Pedro, en portería, e Gonzalo en ataque, as rentas continuaron a ser cómodas.
O Agnusdei non quixo cesar no seu empuxe, sabedores todos de que a renta de goles era importante para preservar o golaverage no hipotético caso de empate a victorias ó final da liguiña. Grazas ó 26-18 final, os de Alejandro Touza son agora terceiros da xeral e visitarán a vindeira semana ó Novás Mecalia.
Un posto por enriba sitúase o Rasoeiro que sumou a súa segunda victoria noutros tantos encontros. Desta volta impuxéronse ó Artai Poio por 27-30, despois de facer un arranque de partido espectacular, baseado nunha boa defensa e nas saídas en contraataque. Puxéronse 1-8 arriba pero pronto perderon esa renta, despois de sufrir un tremendo atasco en ataque.
Cando recuperaron a fluidez ofensiva, as diferencias volveron a ser favorables ós grovenses que xa na segunda metade manexaron ó encontro sen ver perigar a victoria. As actuacións de Solla en portería e de Juanjo, autor de oito goles, foron as máis destacadas do conxunto meco.
Redacción Salnés