A elite nacional da vela xuvenil daráse cita no verán no Centro Galego de Vela

VILAGARCÍA> A elite nacional da vela xuvenil reunirase este verán en Vilagarcía. Como parte da súa programación para o verán, o Centro Galego de Vela acollerá concentracións das clases Optimist, Laser e 420. Adestradores e regatistas do Equipo Olímpico Español pasarán tamén polas instalacións arousás para aportar a súa experiencia.

 

O Centro Galego de Vela enche o seu verán de actividades. A elite da vela xuvenil nacional darase cita nas instalacións arousás, para asistir ás concentracións das clases Optimist, Laser e 420, que se celebrarán en xullo e agosto. Durante eses meses tamén pasarán adestradores e regatistas do Equipo Olímpico Español, para compartir a súa experiencia cos novos deportistas.

Como novidade, o centro tamén buscará captar aos máis novos para o deporte da vela. Por iso organizará dous campamentos náuticos para rapaces de entre 10 e 16 anos baixo a supervisión de monitores da Federación Galega de Vela.

Á presentación asistiron tamén a concelleira de Deportes de Vilagarcía, Elena Suárez, a deputada Begoña Estévez e o secretario Xeral para o Deporte. Xosé Ramón Lete Lasa celebrou as actividades programadas polo centro.

Durante os campamentos, ademais de navegación diaria e explicacións en terra, os rapaces realizarán actividades como surf, sendeirismo ou pádel. O prazo de inscrición continúa aberto.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/18/vela_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/18/vela_vilagarcia.mp4{/flowplayer}