A XVII Baixada do Río Umia reunirá a 250 padexeiros

RIBADUMIA> Este domingo celébrase a XVII Baixada do Umia. O evento contará coa presencia de 250 padexeiros de 22 clubes galegos. Como é habitual os deportistas tomarán a saída dende Portas e percorrerán 14 quilómetros ata Cabanelas.

O piragüismo volverá a ser protagonista da fin de semana coa celebración da XVII Baixada do Río Umia que se celebra o domingo. Os participantes na proba sairán ás 17:00 desde Portas e percorrerán 14 quilómetros de río ata chegar á meta situada en Cabanelas. A chegada espérase ás 18:30 horas, aproximadamente, en Cabanelas.

Como en edicións anteriores o evento inclúe dúas metas volantes. A primeira delas será en homenaxe a Jose Manuel Torres “Iño” e entregarase á primeira embarcación dama cadete que pase pola ponte de Baión, e a segunda será o premio José Ramón Serantes “Peke”, que se entregará á primeira canoa sénior que pase pola ponte de Pontearnelas.

As categorías nas que se disputa a competición son masculino cadete, xuvenil e sénior en K-1 e C-1,  feminino sénior K-1 e xuvenil e cadete en K-1 e C-1. En total preto de 250 padexeiros. O club que máis embarcacións aporta á competición é Ría de Aldán, con 29. Pola súa parte, o Náutico O Muíño compite con 19 embarcacións. Tamén estarán representados clubes como o Cofradía de Pescadores de Portonovo, Piragüismo Cambados, Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, Náutico Pontecesures, As Torres de Catoira, Illa de Arousa, ou Breogán do Grove.

A Baixada do Umia é proba puntuable para a Copa Xunta de Galicia de Ríos e Travesísas 2011.

Redacción Salnés