O total do sector mexilloeiro paralizou hoxe a súa producción para fábrica

    dv_23_informar_-_foto_100.jpgVILAGARCÍA > O cen por cento do sector mexilloeiro paralizou hoxe a súa producción destinada á fábricación.

    Se onte era o sector maioritario o que iniciaba esta medida de presión; hoxe tamén acordaron deixar de facer descargas para ás conserveiras os representantes do sector minoritario, para evitar que se cheguen a producir situacións de enfrontamentos nos peiraos como as acontecidas fai anos. Deste xeito, a situación que se vive no sector miticultor é a de unha calma tensa, na que se suceden distintas reunións entre as dúas partes co fin de chegar a un acordo.

    Onte houbo unha primeira reunión entre as partes logo dun primeiro día de paro e hoxe produceuse a segunda, na que a parte minoritaria volveu a presentar unha nova oferta. A orixe do recrudecemento deste conflicto hai que buscala a finais do ano pasado cando comezou unha escalada de ofertas e contraofertas para colocar o producto restante no mercado. Desde aquela, varios productores denuncian que hai organizacións e asociacións que están facendo descontos insostibles de un menos 25 % ou máis. Estas medidas sitúan o seu prezo actual deste producto por debaixo dos custes de producción e un 30 % máis barato que fai dez anos, sen ter en conta as subidas do IPC anuais.

    A este problema dos prezos tamén hai que engadir varios atrancos comúns a todo o sector bateeiro como é o aumento das importacións masivas, para as que demandan uns controis sanitarios exhaustivos semellantes ós que son sometidos eles; así como unha etiquetaxe clara que reflicta con exactitude a procedencia de cada producto. Con todo, orixinouse unha crise interna que só vai a poder solucionarse, segundo o presidente do Consello Regulador do Mexillón, se media o entendemento.

    Á marxe, desde o Consello Regulador do Mexillón de Galicia tamén barallan adoptar outras dúas novidades: a primeira delas recoller unha mostraxe exhaustiva de todo canto producto se vende no mercado con identificativo de mexillón galego, para comprobar se efectivamente o seu ADN certifica esta orixe. A segunda das novidades, podería ser a elaboración dun estudio que determine cal é o custe exacto de producir un custe de mexillón para saber determinar así o prezo de venda axeitado.

    Redacción Salnés