A policía local e o executivo noiés levarán o seu conflito ós tribunais

    polinoia_100_250808.jpgNOIA > O conflito existente no seo da Policía Local de Noia non parece ter unha solución sinxela.

    {flowplayer}barbanza/polinoia.flv{/flowplayer}

    O inspector xefe e membros de varios sindicatos que representan ós axentes noieses compareceron en rolda de prensa para aclara-lo acontecido na noite do pasado venres no propio concello onde se produciu un enfrontamento entre os policías locais de baixa e varios concelleiros do equipo de goberno, entre eles a edil responsable de Seguridade Cidadá e Tráfico, Ana María Mariño.

    Distintas versións

    A versión sobre o acontecido é ben diferente segundo cada unha das partes implicadas no conflito. Dende o punto de vista dos axentes a súa intención era informar ós policías locais en activo dos temas que lle trasladarían ó grupo municipal do BNG, socio de goberno do PSOE en Noia, con quen tiñan previsto manter unha xuntana para tratar de aborda-la situación que se está a dar.

    A versión do executivo dista moito desta, ó sinalar que a reunión non era tal, e a súa intención era montar un piquete para evitar que se realizase o turno de noite durante as festas que se están a celebrar na localidade.

    Accións legais

    O problema con toda seguridade acabará nos tribunais, xa que os axentes teñen intención de emprender accións legais.

    Segundo sinalou o propio xefe da Policía Local as causas do conflito entre o concello e os axentes son moi variadas, culpando o grupo municipal do PSOE de estar provocando esta situación.

    Irregularidades

    Os representantes da Policía Local de Noia tamén denunciaron diversas irregularidades que se están a acometer no servizo, culpando a edil delegada da Policía Local, de obrigar ós axentes á retirada dos vehículos que incumpren a normativa e traladalos a un taller privado existente no concello de Lousame e de ordear ós membros do GRUMIR de realiza-las patrullas nocturnas polo casco urbano, sendo unha labor esta que non lle corresponde.

    Intermediación dun órgano externo

    Pola súa banda, os membros do grupo municipal do BNG, socios de goberno do Partido Socialista na alcaldía noiesa, solicitaron unha intermediación entre as partes para poñerlle fin dunha vez por todas ó conflito. A postura do BNG partiu da xuntanza mantida con membros da actual plantilla da Policía Local e representantes dos sindicatos.

    Aínda que a área de Seguridade Cidadá e Tráfico non é da súa competencia, os membros do BNG, socios de goberno do Partido Socialista na alcaldía noiesa, queixeron amosa-la súa postura no conflito de cara a buscarlle unha solución satisfactoria.

    Segundo eles a imaxe que se está a dar de Noia nestes momentos non é a máis axeitada, repercutindo negativamente tamén no servizo que se lles está a dar ós veciños. Por esta razón piden un achegamento entre as partes, para evitar este clima de tensión e enfrontamento. Segundo eles unha opción podería ser a intermediación dalgún órgano externo, como podería se-la Consellería da Presidencia.

    Actualmente a plantilla da Policía Local en Noia está conformada por dous axentes e catro auxiliares, estes últimos asumindo función que non lle corresponden. Unha situación que está a provocar graves repercusións no propio día a día do concello.

    Redacción Barbanza