A Marea de Noia aspira a liderar o cambio cun programa pensado para os noieses

NOIA> A Marea Cidadá aspira a liderar o cambio de rumbo no concello de Noia. O seu programa electoral aposta pola dinamización económica, a igualdade, a defensa do medio ambiente e a promoción da cultura e o turismo local.

Son moitas as propostas que a Marea Cidadá propón levar a cabo no caso de ter responsabilidades de goberno tralo 28M. Destaca no seu programa a aposta por políticas económicas que dinamicen o municipio como a dotación de máis chan industrial e a posta en marcha da oficina de desenvolvemento local.

A igualdade é outro dos eixos fundamentais do seu programa que contempla a posta en funcionamento da mesa contra a violencia de xénero así como varias medidas no eido da conciliación.

Inciden tamén na defensa do medio ambiente, marcada por temas de actualidade como a polémica da mina de san Finx.

No eido cultural propoñen recuperar a feira do libro e a mostra de teatro así como dotar ó Coliseo Noela dunha programación estable. En materia turística destacan algunhas medidas como a creación dunha rede de museos locais e a apertura da oficina turística durante todo o ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí