Boiro avanza na mellora dos equipamentos públicos co arranxo da contorna do centro social do Esteiro

BOIRO> O concello de Boiro continúa co plan de mellora dos centros sociais do municipio. O alcalde e o concelleiro de Obras supervisaron esta mañá o acondicionamento da contorna do centro social do Esteiro, que está a piques de rematar.

Os traballos acometidos no centro social de Esteiro consistiron no acondicionamento do recinto exterior mellorando a accesibilidade así como na instalación de novo mobiliario e a renovación do peche perimetral.

Procedeuse á retirada dun pequeno parque infantil, xa en desuso, e substituíse por unha área de céspede que permitirá a realización de actividades dirixidas ó aire libre, posto que se trata dun dos centros máis dinámicos do municipio.

O investimento nesta actuación roldou os 15 mil euros financiados con fondos propios no marco do Plan de Mellora Integral dos centros sociais do municipio.