Presentada Mararousa, a semana galega de vela

mararousa250_300908.jpgVILAGARCÍA > Despois do éxito da primeira edición, chega a Vilagarcía a segunda entrega de Mararousa, a Semana Galega Profesional e Amateur de Vela. O evento, que se prolongará dende o 4 ó 18 do outubro, foi presentado hoxe no Liceo Casino nun acto no que estivo presente o campión olímpico Antón Paz.

Este sábado darase o pistoletazo de saída á II Semana Galega Profesional e Amateur de Vela Caixa Galicia, Mararousa. Serán quince días cheos de actividades, a primeira, a Regata ProAm de Platú 25, onde famosos do mundo do deporte, política e medios de comunicación compartirán embarcación con experimentados regatistas, como Antón e Carlos Paz, Javier de la Gándara, Alberto García ou Marga Cameselle. Entre os famosos que xa confirmaron a súa presencia resaltan os nomes de Óscar Pereiro, Álvaro Pino, Fernando Romay, o músico Xosé Manuel Budiño ou o actor Morris.

Un momento excepcional vivirase cando Antón Paz navegue con aqueles convidados que o desexen no Tornado no que gañou a medalla de ouro en Pekín xunto a Fernando Echávarri. Un luxo.

Esta regata será o preámbulo do Campionato Galego de Platú 25, a disputarse os días 10, 11 e 12 de outubro, onde se darán cita as 20 mellores embarcacións da rexión.

Antes, para o domingo día 5  tense previsto o desenvolvemento do Trofeo Cidade de Vilagarcía de Pesca Submarina. Uns 30 participantes teranse que sumerxir nas augas da Ría de Arousa en busca das capturas autorizadas.

As actividades pecharanse o día 18 de outubro cando remate a última manga da terceira regata de Outono de Cruceiros, que porá o colofón a 15 días de eventos náuticos.

Todas estas actividades, ás que lles hai que sumar charlas, coloquios e exhibicións, entre outras cousas, contarán co apoio de varias institucións, entre elas Federación Galega de Vela, Concello e Autoridade Portuaria, e estará patrocinado por Caixa Galicia.

Redacción Salnés