A Pobra, sede do Campionato Galego de Marcha en Ruta

POBRA> A proba, que terá lugar este próximo sábado, 13 de febreiro, está organizada pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración coa Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e o propio concello pobrense. Ó redor duns cento vinte atletas pertencentes a distintos clubs galegos disputarán este próximo sábado na Pobra o Campionato Galego de Marcha en Ruta. A cita está organizada pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración ca Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e o propio concello pobrense. Estará aberto a tódalas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, junior, promesa, absoluto e veterán, tanto masculinas como femininas, para os que haberá diferentes distancias. O comezo da proba está previsto a partir das catro menos cuarto da tarde nun circuíto urbano de cincocentos metros homologado pola propia Federación Galega e que discorrerá entre a rotonda do Náutico e a zona comercial, ó que os corredores darán varias voltas, dependendo da distancia pertencente a cada categoría. No campionato está prevista unha alta participación do club anfitrión, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, cuns vinte atletas: dous en categoría cadete, tres en infantil, dez en alevíns e cinco en benxamíns que agardan colleitar un bo resultado.