100 surfistas de 19 nacionalidades no Surf Rías Baixas Pro

Pontevedra > Tras o éxito acadado na organización do Surf Rías Baixas Pro Junior, que tivo lugar o ano pasado, a praia da Lanzada acollerá, do 9 ó 13 de abril, un novo campionato, esta vez de máximo nivel, no que se agarda a presenza de máis de 100 profesionais de 19 países.

Así o anunciaron esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Begoña Estévez nunha rolda de prensa na que subliñaron a aposta da Administración provincial polo turismo deportivo, como unha forma máis de desestacionalizar e dinamizar o sector.

Rafael Louzán incidiu nas potencialidades que ofrece a costa pontevedresa para a práctica do surf e na decisión da Deputación de promover as Rías Baixas como referente para este deporte.

Para o titular da Administración provincial os obxectivos que se perseguían co campionato de 2013 cumpríronse e “o que pretendemos agora é a consolidación da provincia de Pontevedra e de lugares dunha beleza paisaxística única, como pode ser A Lanzada, como referentes do surf en Galicia e en España”.

Louzán destacou o respaldo explícito a este evento da Asociación de Surfistas Profesionais (ASP), con sede en París, e amosouse convencido de que será un novo éxito.

A intención da Deputación é que tamén este campionato sirva para programar múltiples actividades, entre as que se baralla a posibilidade de convidar os nenos dos colexios do Salnés a participar nos bautismos de mar, igual que se fixo na pasada edición cos das escolas deportivas.

Foron máis de 900 nenos, 42 clubs e 100 monitores os que participaron nestes bautismos de mar, que superaron os 1000.

O campionato levará o nome Surf Rías Baixas Pro, e é un Star Event, é dicir, forma parte das series clasificatorias mundiais.

Disputaranse tanto a categoría feminina coma a masculina, e, no ranking que establece a ASP, o Rías Baixas Pro será un evento dunha estrela.

Entre os participantes haberá surfistas de Irlanda, Alemaña, Holanda, Noruega, Suecia, Portugal, Marrocos, Italia, Francia, Reino Unido, Arxelia, Israel, e de lugares coma Illa Reunión, a Polinesia Francesa ou Illas Galápagos, entre outros.

O campionato será retransmitido en directo, en streaming, desde a web da Asociación de Surf Profesional de Europa e desde a propia páxina da Deputación.