Céltiga e Vilalonga apuntan alto. O Portonovo afúndese.

futbol250_131008.jpgSALNÉS > Boa xornada para os equipos do Salnés. Victorias moi traballadas para Céltiga e Vilalonga, que xa miran cara a parte alta da táboa, e empate do Arousa que continúa coa xeira positiva de resultados. As malas novas continúan a chegar dende Baltar, xa que o Portonovo segue sen levantar cabeza.

Preocupante estado no que se queda o Portonovo a unha semana vista de afronta-lo derbi entre os derbis ante o Vilalonga. Os de Milucho son penúltimos na xeral con 4 puntos de 21 posibles sumados e o peor de todo, deixando unha imaxe bastante mala sobre o terreo de xogo. Onte o Lalín foi mellor e levouse o tres puntos tras vencer por 0-1, aínda que a tenor das ocasións marradas polos de Acevedo a vantaxe puido ter sido maior. Cuqui foi o autor do tanto.

Todo o contrario sucédelle ó Céltiga que xa é cuarto na xeral despois de superar ó Ordes por 3-2, nun partido con moitas alternativas no xogo e no marcador. Cardeñosa adiantou ós da Illa ós 19 minutos, os visitantes déronlle-la volta ó partido, e xa na segunda parte Kelvin e Víctor fixeron dous goles máis que deixaron os puntos na casa. Os de Josiño van ser un equipo a ter moi en conta este ano cando pulan certos erros no xogo defensivo.

Victoria igual de traballada e tanto ou máis meritoria foi a do Vilalonga en Santa Comba, o campo do líder. 2-3 para os de Gabi Leis, que foron gran parte do encontro por diante no marcador e ben puideron traerse unha goleada maior. Luismi, Machu e Pablo Pillado foron os autores dos tantos dun Vilalonga que queda noveno na xeral pero apuntando á parte alta da táboa e cun calendario a priori favorable nas vindeiras tres semanas.

O Arousa pola súa banda continúa a sumar, aínda que onte volveu de Vigo decepcionado. 1-1 ante o Gran Peña, nun partido que dominaron de comezo a fin e no que dispuxeron de innumerables ocasións para facer gol e traerse a victoria. Hugo, fiXo o tanto dos vilagarciáns que quedan na parte media baixa da táboa con oito puntos.

Destacar tamén os resultados en preferente Autonómica na que o Sanxenxo caeu de xeito incontestable ante o Choco por 0-3, mentres que o Unión do Grove superou con claridade ó Ribadumia no derbi do Salnés por 3-0.

Redacción Salnés