![]()
CAMBADOS > O Concello anima ós usuarios descontentos coa atención no centro de saúde que denuncien o seu caso na OMIC.
O Concello de Cambados porá a Oficina Municipal de Información ó Consumidor a disposición dos usuarios do centro de saúde. O goberno local afirma que adoptou esta decisión ante a gran cantidade de persoas que manifestan as súas queixas sobre o servizo de atención primaria en Cambados. Unha técnico de consumo asesorará ós afectados que o soliciten sobre a mellor maneira de presentar as follas de reclamación ante o Sergas ou ante a Consellería de Sanidade.
O Concello afirma que a xente está desesperada e xa non sabe que facer, e engade que tanto pacientes como os propios médicos e persoal sanitario se senten impotentes para afrontar a situación. Por iso, desde o goberno municipal salientan a importancia de presentar reclamacións por escrito, para que os cargos responsables tomen medidas. Consideran que a denuncia veciñal é o único mecanismo que pode funcionar, posto que o Concello xa remitiu numerosas queixas e mesmo o PP presentou unha interpelación parlamentaria, sen ter aínda resposta axeitada de Sanidade.
Segundo o Concello, as protestas veciñais céntranse na insuficiencia de médicos, xa que non se cobren vacantes, nin por vacacións nin por baixas. Ademais, din, polas tarde as citas permanecen bloqueadas e moitos usuarios han de agardar máis dunha semana para seren atendidos, atrasos que ó parecer tamén se dan nas receitas. Cambados denuncia ademais deficiencias na atención pediátrica e advirte dun incremento de neglixencias médicas.
Redacción Salnés







