Cambados quere ser a mellor cidade enoturística de España

CAMBADOS> Tras gozar o ano pasado do seu nomeamento como Cidade Europea do Viño, Cambados continúa apostando por gañar peso no mundo do enoturismo. A vila presentará a súa candidatura para ser o mellor municipio enoturístico de España, un certame convocado por Acevin.

O seu nomeamento como Cidade Europea do Viño en 2017 reafirmou o papel de Cambados no mundo do enoturismo, pero para este ano, a vila xa se fixa novos retos. Desta volta, teñen a vista posta no certame bianual convocado por Acevin, que busca o mellor municipio enoturístico de España.

Os premios cumpren este ano a cuarta edición, e o concello traballa para presentar a súa candidatura antes do 31 de maio. Gran parte do dossier partirá do que lles deu o título de Cidade Europea do Viño, con Cambados presumindo dos seus recursos.

Segundo José Ramón Abal, que estea tan recente a súa Cidade Europea do Viño pode xogar a favor da candidatura cambadesa. Así as cousas, son conscientes do elevado nivel da competencia.

Nesta candidatura, Cambados agarda contar como ata o de agora co apoio da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Non en van, tal e como apuntou o edil de enoturismo, este recoñecemento para a vila volvería beneficiar a toda a comarca saliniense.