O 2006 comeza con importantes obras nas parroquias de Noalla e Dorrón

    SANXENXO > A finais de xaneiro comezará a primeira fase das melloras da instalación eléctrica que se levará a cabo na Igrexa de San Estevo de Noalla. Ademáis, o goberno local negocia estes días a adquisición dos terreos anexos ó colexio de Dorrón para crear un novo espacio público e mellorar a seguridade vial no entorno do centro educativo.

    A instalación eléctrica da Igrexa, xa obsoleta, será substituída na súa totalidade na primeira fase das melloras, que está previsto se inicie a finais de xaneiro. O  presuposto para a renovación da instalación eléctrica, que será o primeiro traballo que se acometa, ascende a 5000 euros e non interferirá nos oficios relixiosos,que continuarán cos horarios habituais da parroquia.

    Estas obras non interferirán nos horarios dos actos relixiosos, e no caso de que puidera ser así xa hai acordo co párroco para que cesen as obras durante os mesmos. Na segunda fase, completarase a instalación eléctrica e adecentarase o interior do templo. 
    Grazas ó Plan de Excelencia Turística do Concello de Sanxenxo, este templo xa fora restaurado en 2003, con obras consistentes na consolidación e limpeza exterior de fachadas e campanario. O montante total ascendera entón a máis de 70.000 euros. Este Plan permitiu ademais a restauración das igrexas de Adina, Dorrón e Padriñán. O orzamento total foi de preto de 400.000 euros.

    Por outra banda, na nosa visita ó Colexio Público de Magaláns- Dorrón, fomos testemuñas dun pequeno accidente dun dos autobuses de transporte escolar –nese momento baleiro- pola falta de visibilidade e a perigosidade das súas manobras diarias.Producíase ante as nosas cámaras un pequeno golpe contra unha varanda de ferro cando o conductor tentaba achegar o autobús á rampla pola que baixan os alumnos. A improvisada zona de aparcadoiro atópase no medio dunha curva, polo que os vehículos conducen polo carril contrario sen ningunha visibilidade e os nenos cruzan a estrada co conseguinte perigo de non ser vistos polos conductores. Na segunda quincena de xaneiro podería quedar pechado o acordo que arranxe estes problemas de inseguridade vial.
    Os terreos que se negocian son 15 parcelas de 12 propietarios diferentes que suman 3300 metros cadrados. Con esta adquisición, o colexio contará con outra entrada, que dará acceso á unha ampla explanada de recreo para os nenos e na que os autobuses poderán aparcar sen problemas. Os propietarios parecen estar dispostos á venta.
    Ademais, tamén está previsto que comecen en breve as obras de ensanche e pavimentación da estrada provincial, polo que se ampliará tamén o ángulo de xiro nas curvas. O concello reserva unha partida orzamentaria para a adquisición destes terreos anexos ó centro, que xunto coa mellora da estrada, redundará na seguridade dos 101 alumnos matriculados na actualidade neste centro escolar.

    Redacción Salnés