Ruíz pide unha auditoría externa para verificar os datos das listas de espera

    ruizhospitalbarbanza_100_031108.jpgBARBANZA > Manuel Ruiz califica de irreais os últimos datos oficiais sobre as listas de espera durante o terceiro trimestre do ano no hospital do Barbanza

    {flowplayer}barbanza/ruizhospitalbarbanza.flv{/flowplayer}

    Segundo o voceiro parlamentario do BNG, os recentes datos sobre as listas de espera oficiais no hospital do Barbanza durante o terceiro trimestre deste ano aínda resultan menos cribles ca os dos trimestres anteriores, na medida en que reflicten unha situación semellante á do mes de xuño, a pesar de que durante o período estival o centro funcionou ó mínimo debido fundamentalmente ás obras de climatización que se estiveron levando a cabo, coa conseguinte diminución do número de camas dispoñibles, ó tempo que as vacacións do persoal facultativo fixeron que en agosto pasado non houbese, practicamente, actividade cirúrxica programada.

    Análise comparativa

    O deputado popular fixo unha comparativa entre os datos do Hospital do Salnés e os do barbanza. Así, segundo el mentres no Hospital do Salnés case se duplicou a súa lista e pasou de 473 pacientes e 37 días de espera media en xuño a 751 pacientes e 60 días de demora en setembro, no Barbanza os datos mantivéronse case invariables. O centro de Ribeira pasou de 584 enfermos e 77 días de demora cirúrxica media a 627 pacientes e 79 días de espera media a 30 de setembro.

    Aínda así para Ruíz o hospital do Barbanza segue presentando os peores datos de espera cirúrxica de tódolos hospitais comarcais de Galicia, feito que segundo el debería levar á reflexión ós responsables da sanidade pública de Galicia.

    Auditoría externa

    Para o deputado popular o único xeito de verifica-lo fluxo real de pacientes pasa por realizar unha auditoría externa que clarifique a situación e por xestionar o centro con criterios profesionais, fuxindo da politización na que está sumido ese órgano directivo desde a chegada da actual responsable.

    Redacción Barbanza