Nova rotonda de entrada á Pobra

    POBRA > Operarios da UTE Indeza-Aister traballan estes días nos últimos detalles da rotonda situada ó carón da estación de autobuses da Pobra do Caramiñal. A intención do concello é ter rematada esta obra entre finais desta semana e principios da próxima e poñela en funcionamento no prazo de tempo máis breve posible para contribuír a desconxestiona-lo tráfico na vila. Así mesmo, o novo elemento vial aumentará a seguridade e canalizará a entrada de vehículos no concello pobrés.

    O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, visitou este luns as obras da rotonda que se está a construír na entrada do municipio pobrés, en frente da estación de autobuses.

    Maceiras Rivas amosou a súa satisfacción ante o bo ritmo dos traballos que permitirán a posta en marcha da glorieta de cara a finais da semana próxima.

    Esta nova construcción conta cun radio exterior de 26’30 metros e interior de 10’30 e dous aneis de catro metros de largo. No centro ubicarase unha zona axardinada cunha gran farola de tres focos, todo rodeado dun muro de granito.

    Con esta actuación preténdese mellorar a fluidez do tráfico en toda a vila así coma a seguridade tanto na circulación rodada coma peonil. Así mesmo, instalaranse beirarrúas de baldosa hodráulica e tres novos pasos de cebra situados un a cada entrada da rotonda e outro nun lateral, no acceso ó Castelo.

    A construción desta rotonda enmárcase dentro das actuacións de mellora do bordo litoral do porto da Pobra. Ademais de dotar ó concello dun dos mellores accesos ó porto comercial permitirá regula-lo tráfico de entrada á localidade, dividíndose en dúas vías, a habitual de entrada á vila e outra que discorre paralela á fachada marítima.

    Redacción Barbanza