O concello de Rianxo iniciará o Plan Integral de Accesibilidade no Cuartel Vello

    RIANXO > O concello de Rianxo iniciará ó longo deste ano as actuacións contempladas no Plan Integral Municipal de Accesibilidade, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña. Entre os proxectos a realizar figuran as melloras na casa de cultura Cuartel Vello e na actual sé de Servizos Sociais así coma diversas actuacións en rúas e prazas do municipio.

    O plan de mellora da accesibilidade iniciouse o pasado ano coa redación dun proxecto que contou coa colaboración do INSERSO e a ONCE. Unha vez elaborado o plan, este ano iniciarase a súa aplicación práctica cunha serie de obras presupostadas en preto de douscentos mil euros. As principais melloras levaranse a cabo na casa da cultura Cuartel Vello, posto que se habilitará un acceso ó edificio e dotarase dun ascensor ó mesmo tempo que se acondicionan os servizos sanitarios para o uso das persoas minusválidas. O plan contempla ademais a mellora das deficiencias de accesibilidade que presenta a actual sé de Servizos Sociais así como a eliminación de barreiras arquitectónicas en diversas rúas e prazas.

    O concello contou en todo momento co asesoramento da Asociación de Minusválidos do Barbanza para a elaboración deste plan. Neste sentido, levaranse a cabo melloras tamén no campo da información, habilitando equipos informáticos que faciliten ó acceso as persoas con discapacidade.

    Pedro Piñeiro reiterou a importancia que ten a aplicación deste plan e a especial sensibilidade que existe dende o concello de cara ó colectivo de persoas discapacitadas de toda a comarca.

    Redacción Barbanza