Piñeiro solicita a ampliación da Ponte de Te para evitar problemas de tráfico

    rotondate_100_211108.jpgRIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, vén de solicitarlle á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a ampliación da ponte de Té, en Taragoña.

    {flowplayer}barbanza/rotondate.flv{/flowplayer}

    No escrito remitido a Política Territorial e á Deputación da Coruña, o executivo rianxeiro considera necesario que se acometa con urxencia esta actuación, xa que con motivo da ampliación da estrada para a construción da nova rotonda de acceso á autovía do Barbanza, a ponte existente sobre o río Té, na estrada CP-7.202, forma un embude, ó ter un ancho de vía inferior á propia estrada de acceso, o que constitúe un serio perigo para a circulación.

    A ponte, conta con dous carrís de aproximadamente dous metros e medio de ancho cada un, que resultan insuficientes para o paso de vehículos de grandes dimensións, ademais de que esta se atopa entre dous tramos curvos.

    Risco para os peóns

    No escrito, co que se adxunta un informe da propia Policía Local, faise fincapé tamén no risco que esta infrestrutura representa para os peóns, que se ven obrigados a transitar por unhas beirarrúas de menos de medio metro de ancho.

    Ante esta situación o goberno local solicita á maior brevidade de tempo posible a ampliación da ponte para dotala de beirarrúas e un ancho de carril axeitado, solicitando, como medida provisional, a construción dunha pasarela de madeira para peóns pola parte exterior da ponte.

    O rexedor rianxeiro espera que a súa solicitude teña unha resposta inmediata pois esta ponte, que na actualidade xa soporta unha alta densidade de tráfico, verá incrementada a súa circulación rodada en canto se inicien as obras do polígono industrial, por se-la rotonda de Te unha das vías principais de acceso ó mesmo.

    Redacción Barbanza