Comunidades de Montes de toda Galicia reuniranse este sabado na Pobra

    POBRA> O acto, que está organizado pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, servirá para analizar os principais temas de interese que afectan na actualidade ó monte galego. Máis de cen comunidades de montes veciñais en man común de toda Galicia, a maioría deles socios da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, están convocados para mañá sábado, ás dez, no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal a unha asemblea na que se porán enriba da mesa aqueles asuntos de maior interese que afectan ó monte veciñal galego. Varios serán os temas de importancia que se abordarán nesta asemblea. Un deles a proposta de modificación da Plan Forestal de Galicia, xa que as directrices que nel se recollen son altamente regresivas para os intereses das comunidades de montes en an común. Outros dos temas a abordar na reunión serán a necesidade de dotarse dunha lonxa de madeira e de produtos do monte que traería grandes beneficios para as comunidades de montes e os seus veciños, así como tamén o uso social que actualmente fan do monte aquelas persoas que non teñen a condición de comuneiro.