A Deputación suscribe varios convenios para mellorar servizos en Padrón e Dodro

    PADRÓN > O presidente da Deputación da Coruña desprazouse ata Padrón para asinar un convenio para a adquisición dunha máquina barredoira.

    {flowplayer}barbanza/moredapadron.flv{/flowplayer}

    Ás doce en punto da mañá, o presidente provincial facía a súa chegada á casa consistorial de Padrón onde foi recibido polo alcalde, Camilo Forján. Alí, ámbolos dous formalizaron coa súa firma un convenio de colaboración para o financiamento dunha máquina barredoira. O orzamento para a súa adquisición ascende a máis de 108 mil euros, dos cales a Deputación achegará un máximo de 96 mil euros.

    Inauguración campo fútbol

    Tralo seu paso polo concello, Fernández Moreda desprazouse ata o campo de fútbol de A Baiuca no que se procedeu a substituír o cespede natural por herba artificial. As obras incluíron tamén a instalación dunha rede de rego mediante sistema de canalóns, así como un sistema de recollida de pluviais, porterías e varanda perimetral. A Deputación investiu nesta actuación 468 mil euros. Pero non serán os únicos posto que para o vindeiro ano está previsto dotar de novo alumeado a estas instalacións deportivas.

    Precisamente, o alcalde padronés informou de que proximamente remitirán ó ente provincial este proxecto xunto cunha proposta para a remodelación dos vestiarios. Así mismo, aproveitou a presenza o presidente da Deputación para agradecerlle a súa colaboración en aras de facer máis operativo e práctico este campo que da servizo a gran número de deportistas. 

    Inversións en Dodro

    {flowplayer}barbanza/moredadodro.flv{/flowplayer}

    Trala súa visita a Padrón, Fernández Moreda desprazouse ata o concello de Dodro para a sinatura doutros dous convenios. Un deles permitirá a adquisición dun vehículo para a cuadilla municipal que ata agora só dispoñía dun vehículo en aluguer. O outro acordo ten por obxectivo a rehabilitación dun inmoble para convertelo en centro de representación de artes escénicas.

    Deste xeito, a Deputación contribuirá a achegar a cultura a este concello eminentemente rural. O acondicionamento do inmoble que acollerá a escola de teatro e servirá para a celebración de diversos actos culturais suporá un custo de 216 mil euros, dos que a Deputación achegará o 83 por cento equivalente a 180 mil euros. Pola contra, asumirá integramente a adquisición do vehículo para a brigada de obras cunha achega de 28 mil euros.

    Nova política de subvencións

    O presidente provincial tamén anunciou futuras inversións no municipio como a dotación de alumeado ó campo de fútbol cunha partida de 47 mil euros. Pero as boas novas non remataron con esta inversión posto que o Fernández Moreda informou sobre a nova política de subvencións que asumirá a Deputación durante o 2009 no que as axudas terán carácter prepagable, é dicir que se farán efectivas antes de que se realice a obra co fin de garnatir a liquidez das arcas municipais.

    Outras medidas nesta mesma liña refírense á sinatura dun convenio cunha entidade financieira para que a Deputación asuma os intereses dos créditos ós que teñan que recorrer os concellos ou a posta en marcha dun plan para o gasto corrente co obxectivo de aliviar as tensións que terán que soportar as tesourerías dos concellos nesta difícil etapa económica.

    Redacción Barbanza