A conselleira de Medio Rural visita Cures para comprobar os traballos de concentración parcelaria

    BOIRO> Na actuación, cuxos inicios se remontan a hai máis de dezaseis anos, a Xunta investiu 3’4 millóns de euros. Acompañada do alcalde, Xoán Xosé Dieste, técnicos da Xunta e da empresa que executa as obras, así como tamén dun grupo de veciños da propia parroquia de Cures, a titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, supervisou os traballos que actualmente se están a executar de cara á finalización da concentración parcelaria na zona. Segundo ela o proceso permitirá que as explotacións da zona sexan máis rendibles, ó incrementarse a súa base territorial, o que lle permitirá abaratar custes de produción, á vez que aumenta a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Segundo sinalou o propio alcalde os inicios da actuación, na que a Xunta leva investidos uns 3’4 millóns de euros, remóntase a hai máis de dezaseis anos. O proceso de concentración parcelaria, actualmente en fase de acordo, beneficiará a un total de 1.378 veciños, propietarios de 9.871 parcelas, que despois da reestruturación, verán aumentada a súa base territorial, xa que a superficie media da nova parcela aumentará en máis dun 325%.