O centro de día de Muros abre as súas portas

    MUROS> A alcaldesa de Muros, Caridad González, visitou esta mañá o centro de día localidade na xornada de portas abertas, no día previo á apertura das instalacións.

    Con algúns meses de retraso, debido a diversos trámites administrativos, a apertura do centro de día de Muros xa é unha realidade. Ubicado no antigo edificio do centro de saúde da localidade, o financiamento foi compartido pola Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Benestar, cunha partida de 1’2 millóns de euros, e o propio concello, que cedeu as instalacións e encargouse da redacción do proxecto construtivo. Acompañada da edil de Servizos Sociais, Sandra Maneiro, e a directora do centro, Lorena Alvite, a alcaldesa, Caridad González, achegouse ata as instalacións para comprobar de primeira man o resultado das obras, antes da súa apertura oficial. O novo centro de día muradán contará cun total de 45 prazas, das que están ocupadas xa un total de doce, a maioría usuarios trasladados dende o centro de día de Carnota. A propia rexedora muradá destacou que, coa apertura deste servizo, abarcarase a práctica totalidade das necesidades das persoas dependentes do municipio, que estará complementado co servizo de axuda a domicilio. A xornada de portas abertas serviu tamén para que moitos familiares de usuarios ou posibles usuarios se achegasen ata o centro para coñecer as instalacións, que dispoñen dunha área de administración, unha sala de rehabilitación e de actividades, unha zona de descanso, cociña e comedor. O persoal está formado por un total de sete persoas: unha traballadora social, unha enfermeira, unha educadora, tres xerocultoras e unha de servizos xerais. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/xornadaportasabertascentrodiamuros191113.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/xornadaportasabertascentrodiamuros191113.mp4{/flowplayer}