RIBEIRA> O luns comeza a rodaxe do filme ‘Santa Isabel’ inspirado no naufraxio deste vapor fronte á costa de Sálvora. Esta mañá, a súa directora Paula Cons presentou o proxecto acompañada dos actores Aitor Luna, Nerea Barros, Dario Grandinetti.
A historia das heroínas de Sálvora será levada á gran pantalla por Paula Cons. A raíz do naufraxio do Santa Isabel, a directora constrúe un relato trepidante sobre as consecuencias desta traxedia na vida destas catro heroínas.
A rodaxe do filme, que dará comezo este mesmo luns en varias localizacións da comarca, conta cun reparto de luxo. Nerea Barros, Aitor Luna e Darío Grandinetti compoñen parte do elenco.
A produtora Agallas está detrás deste proxecto que conta coa colaboración dunha produtora vasce e outra arxentina así como da CRTVG e o Agadic.
Tamén o concello de Ribeira contribúe con vinte mil euros á realización deste filme que permitirá afondar na historia de Sálvora e dar a coñecer a súa riqueza.
A rodaxe prolongarase durante seis semanas. A película estrearase o vindeiro ano e Ribeira acollerá unha preestrea.