RIBEIRA> Séguese á espera de que pasen a disposición xudicial nos Xulgados de Ribeira os tres mozos de entre 20 e 25 anos que esta pasada fin de semana agredían a catro Policías Locais.
Os axentes acudiran a atender diversos avisos recibidos de veciños que chamaron alertando do excesivo ruído nunha festa nun baixo na rúa Churriana, en pleno casco urbano, preto das catro da madrugada.
Unha vez alí, ó tratar de identificar ós mozos que había no interior do local, os policías, dous axentes e dous auxiliares, foron insultados, recibindo ademais varias puñadas, patadas e empuxóns, que lles causaron diversas lesións, motivo polo que tres deles tiveron que ser atendidos no hospital do Barbanza.
Debido ó tumulto creado, a Policía Local veuse obrigada a solicitar apoio á Policía Nacional. Os tres mozos están acusados dun presunto delito de agresión e atentado á autoridade.