Os comuneiros de Asados demandan a reparación das pistas forestais danadas polas obras da autovía

    RIANXO > A comunidade de montes de Asados vén de solicitar á Consllería de Política Territorial a reparación das numerosas pistas forestais e accesos a fincas que resultaron afectados polas obras da autovía do Barbanza. Para elo, encargaron un informe técnico á empresa Adaíl, que determinou a existencia de máis de oito quilómetros de camiños danados.

    O presidente da comunidade montes en man común de Asados, Carlos Gey, entregoulle esta mañá o informe técnico sobre os danos ó delegado de Política Territorial, Alberto González, que se atopaba de visita no concello rianxeiro.

    Camiños intransitables

    Neste dosier, elaborado pola empresa Adaíl, recóllense as numerosas deficiencias derivadas das obras da autovía que afectan principalmente a pistas forestais que quedaron intransitables e mesmo cortadas, sen ningún tipo de sinalización, como é o caso de dous camiños da zona da canteira. Nalgunhas pistas tamén destacan as excesivas pendentes que nalgúns casos chegan ó 19 por cento.

    Os veciños denuncian ademais a existencia de augas sen canalizar que afectan ós camiños e as deficiencias nos accesos ás fincas, situación que levan soportando dende que comezaran as obras.

    Compromiso

    Ante as demandas dos comuneiros, o delegado de Política Territorial comprometeuse a, tralo parón das festas de Nadal, retomar os traballos para corrixir todos estes danos. Tanto os veciños como os socios da comunidade de montes confían na palabra do delegado e agardan unha pronta solución para os numerosos problemas que rexistra a parroquia de Asados. Dende a comunidade, agardan tamén contar co apoio da Consellería de Medio Rural á que se lle remitirá o informe nos próximos días.

    Redacción Barbanza