NOIA> O BNG presentou esta mañá as emendas que o seu grupo parlamentario levará a vindeira semana á sesión de debate do orzamento da Xunta para 2025 referidas ás comarcas de Muros e Noia, e que os nacionalistas cifran nuns 26 millóns de euros.
Para a deputada, Rosana Pérez, no documento seguen a obviarse actuacións reivindicadas dende hai anos polo BNG.
É o caso do saneamento integral da Ría, reclamando actuacións puntuais en Outes, Noia e Muros.
A perda de produtividade no marisqueo tamén é algo que lles preocupa.
En materia de infraestruturas viarias reclaman melloras na AC-550 ó seu paso por Outes, municipio no que piden tamén a reforma da Avenida de Fisterra.
Outra das solicitudes garda relación coa mellora da conexión de San Lázaro, en Noia, sen esquecer tampouco maior investimento para a conversión do corredor Brión-Noia en autovía.
Os nacionalistas insisten tamén na necesidade de crear unha liña de bus que vertebre estas dúas comarcas, mellorando tamén a conectividade con Santiago.
Outras das súas demandan están referidas á modernización da ETP de Noia, a construción do parque empresarial de Porto do Son ou unha maior aposta pola Mancomunidade Serra do Barbanza.
En materia social piden tamén a mellora do centro de saúde de Porto do Son, unha maior aposta pola vivenda pública, a elaboración do proxecto para unha residencia de maiores en Outes ou a construción da tan ansiada gardería municipal en Noia.
En canto ó eido deportivo, os nacionalistas reclaman tamén a ampliación do complexo deportivo municipal e o arranxo da cuberta do pavillón polideportivo de Santa Irene, en Porto do Son, e a reposición do céspede do campo de fútbol de Cabanetán, de Lousame.











