![]()
PONTEVEDRA > Os populares presentaron unha Proposición non de Lei relativa á infraestrutura para debater no Congreso.
O pasado mes de xullo entraba en funcionamento a variante ferroviaria de Portas no tramo que une Vilagarcía e Pontevedra. Trala posta en marcha desta liña, Adif prevé eliminar a infraestrutura ferroviaria do subtramo entre Rubiáns e Portas, impedindo instalar nun futuro calquera servizo de tren. Os veciños destas localidades resístense a perder este medio de transporte, e demandan a creación dun servizo de proximidade.
O grupo parlamentario do PP no Congreso decidiu apoiar as demandas destes veciños presentando en outubro unha Proposición non de Lei ante a Cámara Baixa, proposición que, segundo a deputada popular Ana Pastor, aínda non foi debatida pola Comisión de Fomento. Nela solicitan a Adif que non desmantele o tramo ferroviario de Rubiáns – Portas e que constrúa un enlace norte que conecte coa liña inaugurada en xuño, co obxectivo de manter os servizos de Media Distancia que na actualidade paran en Portas.
Durante a xuntanza desta mañá, a plataforma de veciños dou a coñecer ós asistentes a resposta do presidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero á carta que lle remitiran pedindo o tren de proximidade. Partido Popular e afectados amosáronse desconformes coa explicación ofrecida por Zapatero. Os veciños aseguran que seguirán manifestándose ata conseguir os seus obxectivos. A próxima mobilización será o venres en Santiago ante a sede do Parlamento de Galicia.
Redacción Salnés








