A falta de acerto cara o gol condena ó Vilalonga ante o Ordes

futbol1250_120109.jpgSALNÉS > O Vilalonga tiña unha boa oportunidade para deixar atrás a zona perigosa da táboa, pero non puido cun Ordes que fixo o mínimo para levarse a victoria de San Pedro. Tamén caeron a domicilio Céltiga e Portonovo.

{flowplayer}images/salnes/futbol2_120109.flv{/flowplayer} 

Complícase a vida o Vilalonga e de novo por non saber reter os puntos na casa. Desta volta foi ante un rival directo por eludi-lo descenso a día de hoxe.

Ó Ordes, que estreaba adestrador despois da destitución de Juancar, bastoulle un gol de Josiño á media hora de xogo para facerse co partido. Un encontro no que os de Gabi Leis amosaron, ademais da súa incapacidade para facer bo o factor campo, as dificultades que están a pasar para facer gol. Nas últimas catro xornadas tan só acadaron un.

Saúl e Machu pelexaron e intentárono pero non estiveron ben de cara á portería rival. Na banda, Rubí non tivo dos seus mellores días e Pablo Pillado tampouco puido saír ó rescate nesta ocasión. Intentouno Luismi en varias chegadas dende atrás pero os seus remates fóronse fóra.

O Ordes, que apenas se achegara á portería de Pazos antes do gol, cedeu terreo e decidíu xogar á contra. Nunha desas, Pazos salvou ó seu equipo do 0-2, tras un gran disparo de Ramón.

O dominio celeste foi total nos últimos vinte minutos pero non se traduxo nin en goles nin en ocasións. Con esta derrota o Vilalonga descólgase da parte alta da táboa e achégase máis ó descenso. Con todo, aínda son cinco puntos de marxe os que ten co Arousa. A situación non é a idónea, pero tampouco excesivamente preocupante.

 

DERROTAS DE CÉLTIGA E PORTONOVO

Portonovo e Céltiga xogaron  fóra da casa, ambos con derrota contra equipos da zona baixa da táboa.

Os de Milucho caeron co Gran Peña, por 2-1 despois de non saber defender un gol de Fiti ós dez da primeira metade. Os portonoveses pechan así a boa xeira de resultados que arrastraban nas últimas semanas e quédanse a dous do descenso.

O Céltiga pola súa parte tamén se trasladou á zona de Vigo para xogar ante o Coruxo co que caeu por 3-2. Os de Josiño Abalde foron superiores diurante boa parte do encontro pero caeron víctimas dos seus propios erros nas dúas areas: fallaron claras ocasións de gol e regalaron dous tantos ó rival.

Adrián Camiño foi o autor dos dous goles dos da Illa, que continúan na zona morna da clasificación, a seis puntos do cuarto clasificado.

Redacción Salnés