Ana Peleteiro faise co seu segundo título nacional absoluto

RIBEIRA> A atleta ribeirense é a nova Campioa de España de Triple Salto en pista cuberta en categoría absoluta. A atleta ribeirense Ana Peleteiro suma un novo logro ó seu xa importante palmarés. Esta pasada fin de semana proclamábase en Madrid Campioa de España de Triple Salto en pista cuberta. A barbanzá, de vinte anos, quedouse ás portas de facer a mínima para acudir ós próximos Mundiais de Portland establecida en 14’30 e tamén dos 14’15 de mínima olímpica para poder participar nos Xogos de Río. Dous dos seus obxectivos a curto prazo. A pesar da súa xuventude, conseguiu dominar unha proba, na que tipo coma principal rival á veterana Patricia Sarrapio, compañeira de adestramentos, seis veces campioa de España nesta especialidade, pero que nesta ocasión non puido superar á atleta ribeirense que xa suma dous títulos nacionais en categoría absoluta. Ana Peleteiro demostrou un bo nivel na competición, o que fai pensar que os problemas físicos que arrastraba debido as lesións nun xeonllo que a tiveron apartada das pistas durante os últimos meses xa están esquecidos.