![]()
RIANXO> Un grupo de usuarios do centro de saúde volveuse concentrar ás portas das instalacións sanitarias en protesta pola falta de persoal e medios. Concretamente reclaman a incorporación dun turno de garda polas tardes, outro médico pediatra e un equipo de raios que evite ós pacientes ter que desprazarse ata o Hospital Clínico de Santiago.
As súas reivindicacións non son novas e xa o pasado mes de decembro, os veciños convocaron unha manifestación similar para deixar patente o seu malestar ante o funcionamento do centro de saúde de Rianxo.
Falta de medios
Os usuarios denuncia a falta de profesionais para atender as urxencias, sendo os propios médicos de cabeceira os que as teñen que asumir descoidando a atención ós pacientes con cita. O servizo de pediatría tamén rexistra queixas posto que só existe un médico para esta especialidade e, cando non está, os nenos teñen que ser atendidos por outros facultativos.
Pero a escaseza de persoal non é o único que preocupa ós rianxeiros. A falta de medios e servizos é outra das eivas que rexistra o centro médico coas consecuentes molestias para os seus usuarios.
Amaño deficiencias
Dende o BNG e o PP tamén se quixeron sumar ás denucnias veciñais esixindo a reparación de moitas deficiencias que presenta o centro dende a súa inauguración, hai agora dous anos.
Segundo os veciños, a situación nestas instalacións é peor que a vivían no antigo centro de saúde polo que reclaman tanto ó concello como á Consellería de Sanidade que tomen as medidas para garantir o seu eficaz funcionamento.
Redacción Barbanza










