A Deputación coruñesa retoma as obras da estrada Boiro-Noia

    Esta mesma semana deron comezo as obras da variante de Mieites, na estrada Boiro – Noia, tras un dificultoso proceso de negociación con algún dos propietarios afectados. Este proxecto faise efectivo grazas a un considerable apoio da Deputación Provincial da Coruña e a xestión do goberno local que respondeu ás queixas dos veciños ante a falla de seguridade rexistrada neste vial.

    Este pasado luns iniciáronse os traballos de mellora na estrada que une Boiro e Noia para a construción da variante de Mieites, debido á alta perigosidade que os veciños viñan denunciando no vial existente. As xestións do equipo de goberno para realiza-la actuación contaron co apoio incondicional da Deputación da Coruña. Neste sentido, o presidente do ente provincial realizou unha visita ó concello antes da aprobación do proxecto para comprobar “in situ” os perigos derivados do estado no que se atopaba a estrada.O comezo dos traballos vén a satisfacer unha vella demanda dos veciños, tras un longo proceso de negociación con varios propietarios. Ademais da variante de Mieites, están a piques de rematar outras obras de melloras como as realizadas na estrada Cespón – Boiro que, previsiblemente, estarán concluídas a finais de anos.

    Por outra banda, o executivo tamén está a traballar no proxecto de construción dunha rotonda no entronque do vial con Boiro en Ponte Goiáns, actuación que se acometerá unha vez que se chegue a acordo cos veciños.