POBRA> A Deputación da Coruña buscará vías de colaboración co concello da Pobra para modificar o proxecto de reforma do Cine Elma. Así o anunciou o deputado nacionalista, Xesús Soto, na visita ás obras realizada este martes. O obxectivo é dotar ás instalacións dos elementos que garantan a máxima accesibilidade. Xesús Soto, deputado de contratación e equipamento no goberno provincial, tivo ocasión de coñecer as obras que se están a acometer no Cine Elma da Pobra, financiadas na súa maior parte pola Deputación. O proxecto, dividido en tres fases, non contemplaba unha serie de elementos que garantan a mínima accesibilidade do inmoble. Coa actual reforma as persoas con mobilidade reducida non poder acceder ó escenario e as portas, tanto principais como laterais, tampouco reúnen as condicións de accesibilidade. Tras comprobar in situ as necesidades das futuras instalacións, o deputado provincial ratificou o compromiso de buscar vías de colaboración entre as dúas administracións que permitan financiar estas actuacións complementarias. Para as demandas máis urxentes, podería incluírse algunha actuación nos fondos do Plan de Acción Social que convoca a Deputación.
Inicio Barbanza - Muros - Noia