O Rasoeiro imponse ó Agnusdei nun derbi igualado e tenso

balonman250_170209.jpgO GROVE> O Rasoeiro impúxose o Agnusdei por tan só dous goles de diferencia (33-31) nun partido no que os grovenses foron sempre por diante no marcador. A tensión e os nervos estiveron presentes durante os sesenta minutos.

Xogábanse moito os dous equipos e por suposto, sabíano. O importante, a victoria, quedou na casa, pero a diferencia de goles foi mínima, e co valor que o golaverage ten nestas fases, a victoria non lles soubo tan ben ós gañadores nin a derrota tan mal ós perdedores.

O partido estivo marcado pola intensidade, traducida ás veces en presas e nervos nuns e outros. Era un derbi e notouse. Os dous precisaban do triunfo, o Rasoeiro para rachar cunha xeira de dúas derrotas consecutivas na casa e o Agnusdei para escapar dos postos de descenso onde continúa sumerxido.

O partido comezou sendo un correrúas onde os locais estiveron máis cómodos. Apoiados nunha boa actuación do seu gardamallas Solla e nas accións de contragolpe as primeiras vantaxes, duns catro cinco goles, non tardaron en chegar.

Pero cando o Agnusdei reaxustou a defensa ó Rasoeiro custoulle un mundo anotar en estático, algo que aproveitaron os meañeses para ir reducindo diferencias a base de paciencia para chegar ó descanso tan só un abaixo, 15-14.

Tralo paso polos vestiarios repetíuse o mesmo guión. O inicio dos mecos foi espectacular no aspecto ofensivo e anotaron 9 goles en apenas dez minutos que lles serviron de novo para abrir brecha no marcador.

Iso foi xa insalvable para os de Touza. Intentaron repetir os argumentos cos que reduciran diferencias na primeira metade pero o tempo botóuselles enriba. Ó final 33-31, tan só dous goles a favor para os de Jaime García, que puido ser tan só un se os árbitros desen por válido un gol sobre a bociña do Agnusdei, que levantou polémica.

O Rasoeiro queda terceiro na xeral, con tres victorias en cinco partidos e coa vista posta no Novás, ó que visita a semana que ven.

Mentres, os meañeses son penúltimos, descenderían a día de hoxe, aínda que lles quedará un calendario máis favorable a partir de agora coa maioría de encontros na casa. O próximo, este sábado en Coirón ante o Tirso Molina.

Redacción Salnés