Sara Gómez, do Extrugasa, mellor deportista feminina na Basketgal ’06

SANTIAGO > A Federación Galega de Baloncesto entregou a Sara Gómez o premio á mellor deportista feminina de 2006. A xogadora do Extrugasa recibiu este galardón o venres pola noite no transcurso da Basketgal, a gala do baloncesto galego. O premio ó mellor deportista masculino foi para o base do Breogán, Javi Rodríguez.

A escolta do Extrugasa Sara Gómez Ferreirós recolleu o venres pola noite en Santiago o premio á mellor deportista feminina de 2006 na Basketgal organizada pola Federación Galega de Baloncesto. Na gala, a xogadora vilagarciá estivo arroupada polo presidente do club Andrés Quintá e polo adestrador do primeiro equipo Víctor Lapeña.

Sara xa ten no seu haber un subcampionato de Europa júnior e unha quinta posición no mundial coa selección sub 19, o que reflexa o seu potencial. O seguinte reto agora é conducir ó seu equipo de novo á Liga feminina. De momento van primeiras de grupo con bastante vantaxe polo que non debían ter problema no play off de ascenso.

O presidente do Extrugasa, Andrés Quinta, amosouse moi contento con este recoñecemento a Sara Gómez e coa boa marcha do equipo. Sara Gómez é unha das líderes do equipo arousán polo que espera que se propague o exemplo nas xogadoras de base do club.

O mellor deportista masculino segundo a Federación de Baloncesto foi o base do Leche Río Breogán, Javi Rodríguez. Na Basketgal tamén se premiou a Miguel Villar Maseda, do Universitario de Ferrol, como mellor técnico; Teresa Cano, do ADFRO, como directiva do ano; á entidade colaboradora Canteiros de Porriño Reunidos, ó membro do comité lucense de árbitros Alejandro Alcalde, á cadea Ser de Ourense e ó San Juan Bautista La Salle de Santiago, como mellor club. A nota máis emotiva da gala foi a presencia dos xogadores do Bazán de Ferrol dos anos 50. Esta cita anual do baloncesto galego contou ademais coa presencia do seleccionador nacional Pepu Hernández.

Redacción Salnés