Gabi Leis contará só con trece xogadores ante o Santa Comba

futbol250_270209.jpgSALNÉS> Haberá que estar moi atentos esta xornada ó que fagan Arousa e Portonovo na súa loita pola salvación, ós que lle pode botar unha man o Céltiga, que xogará ante outro equipo da zona baixa, o Ordes. O Vilalonga pola súa parte preséntase en cadro ante o Santa Comba.

Na enfermería de San Pedro xa non entra ningún xogador máis. Ata seis baixas presenta o Vilalonga para medirse o domingo ó Santa Comba o que lle deixa a Gabi Leis con trece efectivos para o choque.

O carrusel de cartóns amosados por Marqués Espiñeira no derbi cobrouse a presencia de Saúl, Sarró e Adrián, todos sancionados, mentres que tampouco estarán por lesión nin Chicho nin Luismi.

Pero o caso máis preocupante é o de Pablo Puime, que tras varios días convaleciente todo apunta a que está aqueixado de tuberculose. Hoxe farase as probas e, de confirmarse o diagnóstico, o resto do plantel tamén tería que pasar por elas. Pese a este panorama o Vilalonga sairá ó campo coa intención de sumar algo positivo ante un Santa Comba que loita por meterse entre os catro primeiros da xeral.

Na Lomba enfróntanse dous históricos da Terceira en apuros, Arousa e Gran Peña, os últimos dous equipos que ocuparon a posición de pechacancelas. Os vilagarciáns queren sumar a súa segunda victoria consectuiva e demostrar que son outro equipo ben diferente dende a chegada de Pablo Vázquez. O técnico, que poderá sentarse no banquiño aínda que non con ficha de adestrador, non poderá contar nin con Miguel, con problemas nun cuádriceps, nin con Roberto.

O Céltiga pola súa parte quere resarcirse da súa derrota no derbi da semana pasada a sebendas de que se é quen de gañar seguirá loitando polo cuarto posto, e se perde, quedaríase bastante descolgado. Víctor Uhía é a única baixa nos da Illa que xogarán en Vista Alegre, un campo que só visitaron dúas veces, cun saldo dun empate e unha victoria. O Ordes, pese a estar situado na zona baixa, a comezo de temporada partía como un candidato a estar nos postos altos, dado ós numerosos xogadores de calidade cos que conta.

No Portonovo a situación continúa a ser crítica e non terán unha saída sinxela este domingo para remedialo, visitan ó Lalín. Ademais xogarán en horario de mañá, algo pouco habitual. Tres meses sen gañar levan os de Baltar que precisan canto antes comezar a sumar de tres en tres. Será ademais unha nova proba para Marcos Canle, que debutará fora de casa e que recupera a Víctor na defensa, logo de que cumplira a a súa sanción.

Redacción Salnés