VILAGARCÍA > Disputarase na derradeira fin de semana de setembro e haberá, como soe ser habitual, un gran nivel de equipos participantes: Perfumerías Avenida, San José e Celta Vigourban.
O Extrugasa comeza a vislumbrar o que lle agarda este ano nas diferentes competicións e tamén na pretemporada. Senón hai ningún contratempo de última hora e non se cae ningún equipo, o cartel do Trofeo Extrugasa será de auténtico luxo.
Por unha banda o Celta Vigourban, que será o rival das vilagarciáns ás primeiras de cambio, nun anticipo do derby ligueiro que se producirá dez días máis tarde, na segunda xornada .
Pola outra banda estarán os pesos pesados: Perfumerías Avenida de Salamanca e San José de León, o subcampión de Liga e o Subcampión de Copa, frente a frente. Unha gran oportunidade para ver ós mellores equipos da Liga Feminina, con permiso do Ros Casares, e tamén para ve-lo nivel que amosan as novas fichaxes do Extrugasa. Jaklin Zlatanova, Alexis Meredith e Tamara Young, principalmente, serán seguidas con lupa.
Será ademais un trofeo que terá a súa cara emotiva, xa que co Celta virá á pivot lituana Agne Ciudariene, e co Perfumerías o preparador físico Jordi Aragonés, dous vellos coñecidos da afección vilagarcián.
Paralelamente, durante estes días, o club comezará coa campaña de captación de socios para o vindeiro ano; están á espera de dispoñer dos novos carnés para comezar a distribuilos entre os afeccionados.
Por último, o sábado ás 20:30 darán comezo as Primeiras Xornadas Gastronómicas Mar de Arousa organizadas polo club. Serán na zona TIR e poderase desfrutar delas ata o día 27.
Redacción Salnés